5/5/15

"Opino sobre o que leo"

"Opino sobre o que leo" é unha actividade que nos chega desde a biblioteca do IES Marqués de Sargadelos (Cervo, Lugo). En palabras do responsable da biblioteca: é o título dunha experiencia sinxela que empezou na aula. O alumnado de 1º de Bacharelato elaborou unha exposición escrita sobre a historia persoal de cadaquén como lectores; dende os primeiros libros infantís pasando ás lecturas máis avanzadas e chegando ás actuais. Tamén tiñan que exponer a súa perspectiva como lectores do futuro; se serán bos lectores, se lerán máis ou menos do que len agora e que lecturas, autores e libros están aí agardando por eles. Trala realización por escrito destes traballos na aula, a corrección dos mesmos polo profesor e a posta en común na aula chegou o momento de elaborar un coloquio na biblioteca por parte dun grupo de alumnos que voluntariamente aceptaron participar. Resumimos o coloquio nun vídeo sinxelo que se pode ver no blog da biblioteca. En realidade, o coloquio deu moito máis de si có que pode reflectir o vídeo. Foi unha experiencia enriquecedora que serviu para reflexionar sobre a evolución persoal como lectores, recordar e recuperar libros que xa espertan a nostalxia, serviu para practicar a expresión e creación escrita e desenvolver a linguaxe oral.

Agradecémoslle a estas rapazas, a este rapaz, que nos deixen asomarnos ao coloquio que mantiveron. Demostra, entre outras cousas, que cando os libros foron ben escolleitos, e lidos nun ambiente "amigable", deixan pouso. Tamén demostra que cando se ofrecen oportunidades para falar dos libros lidos, agroman sensacións, experiencias, sentimentos, que reforzan a autoimaxe como persoa lectora e o vínculo coa lectura. 

Unha vez máis, a práctica de "falar de libros"  amosa a súa efectividade. Parabéns!!!

No hay comentarios: