18/12/14

Formación de usuarios de bibliotecas... e de librarías!



 Desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, chéganos esta crónica da visita dos alumnos e alumnas a unha libraría co fin de elixir e adquirir libros e películar para a biblioteca. Os "compradores" son membros do club de lectua e alumnado que acostuma participar nas actividades propostas pola biblioteca. é unha actividade "de premio" pero é tamén unha actividade educativa, planificada e útil. Así nolo conta o responsable da biblioteca, Santiago Dans:

Un ano máis os nosos alumnas e alumnos participaron na adquisición de fondos para a biblioteca. 
O pasado martes 16 fixemos un excursión ao Fnac da Coruña onde os nosos alumnos e alumnas puideron curiosear, comentar, elixir e mercar libros e películas para a nosa biblioteca. Esta actividade está dirixida ó alumnado que participa máis nas actividades da biblioteca e no club de lectura.

Escollemos unha librería grande, con bastante fondo e con espazo para podernos reunir a comentar as compras realizadas. Cada alumna dispón do mesmo presuposto para adquirir libros. Con el poden mercar un libro ou  varios, poden se xuntar cun compañeiro se non lles chega. Unha vez seleccionados os libros as rapazas terán que explicar diante de todos o motivo da súa elección, a utilidade que pode ter para os demais, etc. Trátase así de que reflexionen sobre o material que é mais axeitado para unha biblioteca  escolar e  para os seus compañeiros. Despois, xa de volta no instituto e na biblioteca cada un catalogará os libros que escolleu e poderá facer unha dedicatoria para todos os lectores. A actividade ten todos os anos unha moi boa acollida por parte do alumnado e cremos que contribúe de maneira notable a estreitar a súa vinculación coa biblioteca e os libros.

Obxectivos da actividade
  • Dotar a biblioteca de libros axeitados ó gosto dos usuarios
  • O noso centro está nunha zona rural na que non hai moitas librerías, e unha boa parte dos nosos alumnos non van nunca ou case nunca a mercarlibros, salvo os obrigatorios para as clases. Non teñen costume de ir  mirar, buscar, curiosear nunha librería e escoller libremente o que máis lles interesa. Así que este xa e de por si un obxectivo da actividade
  • Forzar ó alumnado a reflexionar sobre as razóns polas que lles atrae un libro, sobre si este pode ser interesante para os seus compañeiros, axeitado para unha biblioteca escolar…, Os alumnos terán que argumentar a súa selección ante os demais compañeiros.
  • Mellorar a formación do alumando como usuario, permitindo que participen no proceso que segue o libro dende a súa adquisición ata que o teñen á súa disposición nos andeis
  • Comprometer ó alumnado co coidado dos fondos da biblioteca.
  • Premiar a quen máis libros len e participan máis nas actividades da biblioteca: membros do club de lectura, equipo colaborador, etc

+ información no blogue da biblioteca:

No hay comentarios: