2/4/09

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares



Os vindeiros 16/17 de abril celebraranse en Santiago os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2008/2009. Reuniranse responsables das bibliotecas integradas neste programa da Consellería de Educación co fin de intercambiar experiencias e materiais, e continuar a súa formación en ámbitos diversos como a literatura infantil e xuvenil, a integración das TIC nas prácticas lectoras e escritoras, ALFIN e competencia informacional, os proxectos documentais, ou as posibilidades do programa Meiga, máis aló da súa función como aplicación informática común para as bibliotecas públicas e escolares.

As bibliotecas escolares, espazos de aprendizaxe e de construción da sociedade lectora, aproveitan os recursos da Rede sen esquecer que os vínculos que se crean nos encontros presenciais, son fundamentais para seguir traballando, sabéndose parte dunha corrente máis ampla que empuxa, que empuxa... parte dunha "masa crítica", tamén, no ámbito educativo.

1/4/09

LIX a exame



A Fundación SM vén de publicar o seu Anuario sobre el libro infantil y juvenil 2009, un instrumento esencial para os mediadores que atopamos nel, cada ano, estatísticas de lectura, análise de tendencias, artigos especializados e unha oportunidade de autoformación. Benvido o novo anuario.

16/2/09

O poder da persoa que le


"Cecais se poida dicir que algúns escriben palabras que non cambian as cousas, e outros escriben palabras que lle permiten á xente ter instrumentos para mudar as cousas. O poder enorme que ten o lector que elixe ler un libro... Cecais el non se dea conta. Eu si. Os lectores, e non o libro, son a clave da miña historia. Se ninguén o tivese lido, á Camorra teríalle importado moito menos. "

5/2/09

Formación para mediadores na Rede


Banco del Libro, a institución venezolana que tanto ten feito pola lectura no seu país, extende a súa benéfica influencia na formación de mediadores de lectura a través da Rede, mediante o seu Programa integral en línea para la formación de promotores de lectura. Benvidas sexan estas iniciativas que aúnan vontades e tenden redes sociais por riba de fronteiras, océanos e diferencias.

30/1/09

Conspiración pola PAZ

Cartel de autoría de Beatriz González, desde a Biblioteca Escolar do IES Río Cabe de Monforte (Lugo)

Andan as bibliotecas escolares galegas a demostrar unha vez máis que a colaboración, o traballo conxunto, a suma de vontades, é fonte de enerxía.... da que fai rodar o mundo. Velaquí a CONSPIRACIÓN POLA PAZ que xorde en bibliotecas, eses espazos de educación para a cidadanía actíva e crítica, para a construción dunha sociedade lectora.

29/1/09

Vén de facerse público este importante documento para todos os profesionais do ámbito da cultura e da educación: La lectura en España. Informe 2008, co subtítulo Leer para aprender. Coordina José Antonio Millán e edita a Federación de Gremios de Editores de España e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
Velaí unha publicación para avanzar na áutoformación, reflexionar sobre as novas lecturas e coñecer estatísticas que nos sitúan e nos achegan argumentos para unha actualización necesaria das nosas prácticas diarias en tanto que mediadores de lectura. Benvida!!
Pódese
descargar en formato pdf. Os editores dispuxeron tamén dun espazo para intercambio de opinións e comentarios.

27/1/09

A prol da competencia informacional


Rematado xa o II Seminario: Biblioteca, aprendizaje y ciudadanía. Prácticas y experiencias de alfabetización informacional, celebrado en Vilanova i la Geltrú os días 22 e 23 de xaneiro, podemos ler o seguinte apartado no documento de conclusións:


Articulación de ALFIN no contexto escolar:
1. A complexidade e sobreabundancia de información, así como os perigos dun uso incompetente desta, xustifica a necesidade de desenvolver esta competencia nas etapas educativas.
2. A biblioteca escolar é imprescindible no desenvolvemento das competencias para a aprendizaxe polo que a ALFIN debe ser parte do proxecto educativo de cada centro escolar.
3. Cómpre facer evidente que a competencia informacional facilita, contribúe e axuda na consecución das competencias básicas e o conxunto dos contidos curriculares.
4. O profesorado debe favorecer escenarios e propiciar espazos de traballo colaborativo que conduzan á aprendizaxe da competencia informacional.
5. Os plans de fomento da lectura e o traballo baseado en proxectos de investigación poden ser escenarios para a sistematización e a corresponsabilidade no proceso de aprendizaxe da competencia informacional.

Pois más claro, auga.... afortunadamente, moitos centros educativos galegos xa están "na onda". E a título de exemplo, xa en Primaria:

26/1/09

As "pedras do acordo"

Hai uns meses, lendo memorias dos clubs de lectura en centros de ensino secundario do curso 2007/2008, atopamos esta exquisitez:
"Con Pedra do Acordo lembramos ás pedras ao redor das que se xuntaban os labregos para decidir sobre cuestións comunais: o reparto de terras, de leña, regas... No monte Aloia hai unha. No instituto temos outra: a biblioteca, non ao seu redor, diriamos que máis ben nela estamos, entre outros, as/os amigas/os da lectura." Club de lectura Pedra do Acordo. IES San Paio.
Andan a xurdir "pedras do acordo" por Galicia adiante... benvidas sexan elas e o profesorado que as fai posibles e xunta arredor delas a mozos e mozas para falar de libros, de lectura, de historias, de cultura... mentres contribúe á formación dunha sociedade lectora.

21/1/09

Os clubs de lectura, a toda máquina

No curso 2007/2008 funcionaron en Galicia 104 clubs de lectura en centros de ensino secundario, ademais doutros clubs en colexios de primaria. Unha vez resolta a convocatoria de clubs de lectura correspondente ao curso 2008/2009, un total de 149 clubs de lectura reciben asignación da Consellería de Educación para o seu desenvolvemento. Prácticamente, en máis da metade dos centros de ensino secundario de Galicia está a funcionar un grupo de lectura, en tempo non lectivo, coa participación de alumnado, profesorado, e, en ocasións, pais, nais e persoal non docente.
En Ler en mancomún pódese acceder aos blogues dalgúns destes clubs de lectura. O máis recente, As Campaíñas, do CPI Aurelio M. Rey García, de Cuntis.

12/12/08

Lecturas para o tempo de inverno

Xa se albiscan as vacacións de Nadal e, desde hai uns días, as bibliotecas escolares galegas veñen facendo públicas as súas recomendacións de lectura para este tempo de inverno. Son seleccións de títulos en función das idades dos lectores ou segundo outros criterios; son seleccións/eleccións (e ningunha selección é neutral, responde ao coñecemento e ás finalidades de cada quen), feitas polo profesorado que forma os equipos de biblioteca, e difúndense entre os distintos integrantes das comunidades educativas... chegan ás familias en formatos dunha gran dignidade. Contribúen á difusión da lectura, pero tamén contribúen a estabilidade da rede de librerías do noso país, e á construcción dunha sociedade lectora.
Pódense consultar algúns exemplos na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia.

4/12/08

Cando a lectura é noticia

Ten que vir a ministra a Galicia, se cadra, para que a lectura sexa noticia nos telexornais. O pasado 24 de novembro, co gallo da presenza da ministra de Educación en Galicia e da súa defensa das bibliotecas escolares e da lectura presente en todos os medios, a tve acudía a Monforte de Lemos, ao IES Río Cabe, para dar testemuña do que alí ocorre: a existencia dun club de lectura, BALBORDO, que xunta a grandes e pequenos arredor dos libros.
Pasaron uns días xa e non foi ata hoxe que editaron un pequeno vídeo como resultado da súa visita ao centro. Como ben se di nesta pequena grabación, en Galicia hai un cento de clubs de lectura funcionando en centros de ensino secundario... e vai haber máis!!!