12/5/11

Unha fórmula flexible para facer lectoras e lectores

A idea de propiciar as lecturas compartidas pode adpatarse a múltiples contextos e a todo tipo de alumnado, e pode tamén responder a distintos obxectivos, aínda que sempre a finalidade última será que a experiencia lectora resulte tan grata que favoreza o vínculo entre o lector e a lectura.... Chéganos a crónica da experiencia levada a cabo no CEIP de Louro (Muros, A Coruña), que reproducimos en palabras da profesora responsable da biblioteca:

"Fixemos dous grupos: Infantil e 1º ciclo (aínda que algúns de 2º estaban no outro grupo); 2º e 3º ciclos (cos "engadidos" de 2º). Mediante sorteo fixemos parellas formadas por unha persoa de cada un dos grupos (a excepción de infantil de 3 e 4 anos, que ína dous ou tres xuntos co rapaz ou rapaza que lle tocara do outro grupo).

As lecturas preparáronnas previamente e, a diferencia doutros centros, polo que vin, é que os dous membros da parella lína o conto (non só os maiores aos pequenos). Calculamos un promedio de 10 minutos para cada lectura. Cando un dos compoñentes da parella terminadaba, tocáballe o truno ao outro.

A verdade é que era unha imaxe impresionante. A todo o profesorado lle encantou e tamén aos nenos e nenas. Impactounes o respecto que demostraba cara ao "padriño" ou "madriña" de turno, tanto se fora dos maiores como dos pequenos".

6/5/11

Compartir lecturas cos pequenos ten "miolo"

As mozas e mozos do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz, Lugo) sumáronse este ano á pequena marea de lectores que andan a compartir historias e poesías cos máis pequenos. No seu blogue podemos acceder á crónica desta experiencia que, semella, resultou grata para todas e todos... a lectura de contos nos colexios de Guitiriz, Parga e A Castellana.
Compartindo Libros (I, II e III)

Nós queremos salientar un anaco da propia valoración que fan desde a biblioteca escolar, porque nos parece moi esclarecedora: a participación neste tipo de actividades, aínda que son gratas, non son un xogo, e conteñen unha grande potencialidade de aprendizaxe de todo tipo de competencias (lingüísticas, e outras):


"Cremos que o resultado da experiencia foi moi positivo para todos. Cada grupo tivo primeiro que organizarse, repartirse os textos, papeis, acordar momentos para ensaiar, realizar unha lectura en alto en grupo intentando transmitir a emoción ou chiste ou pena, do conto, vencer a vergoña e se enfrontar á unha lectura cun público esixente … volver ós colexios onde estudaron a primaria e ler moitas veces diante dos seu antigos mestres, dos seus veciños, etc. En fin quedamos bastante satisfeitos da experiencia e dispostos a repetir."

5/5/11

Libros con ciencia


Unha proposta da biblioteca escolar do CEIP Graxal (Cambre, A Coruña): actividade voluntaria, no recreo, arredor de "libros con ciencia"... porque ler hoxe é ler todo tipo de textos en todo tipo de soportes con todo tipo de finalidades... e as bibliotecas escolares o están facendo posible.

Ver toda a información no blogue da biblioteca: Librolandia.be

3/5/11

Unha marea que se estende... + madriñas e padriños lectores

Seguen chegando noticia de bibliotecas escolares galegas que botan a andar (ou repiten) esta iniciativa, e que aseguran resultados excelentes. Velaquí máis exemplos:

2/5/11

+ lecturas compartidas....

Que ben se le na herba!!! Velaquí outro exemplo de apadriñamento lector/amadriñamento lector, desta vez no CEIP Frián-Teis (Vigo, Pontevedra), tamén co gallo do Día do Libro.
+ información no blogue da biblioteca do centro: O lar de Frianciño.

Tamén nos chega noticia do CEIP O Ramo (Fene, A Coruña), do ben que o pasaron as nenas e os nenos do colexio, nunha actividade máis de amadriñamento/apadriñamento lector.

E como non hai dous sen tres, velaquí as fermosas imaxes da actividade Eu leo para ti, celebrada no CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña).

Outra forma de celebrar o Día do Libro

No CEIP Eduardo Pondal (Vigo, Pontevedra) celebraron o Día do Libro cunha práctica de lectura xa bastante estendida nas bibliotecas escolares galegas: a lectura de contos por parte do alumnado maior aos máis pequenos do cole. Un exemplo de convivencia coa lectura como mediadora... un exemplo de fomento da lectura, como práctica socializadora. Parabéns a toda a comunidade educativa que fai esto posible!

29/4/11

Lecturas en abril en centros de ensino galegos.





Lectura continuada de poesía, para facer vivir a Palabra, un 14 de abril, no IES Ribeira do Louro (O Porriño, Pontevedra).

Pola súa parte, os nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) marcharon con Ulises rumbo a Ítaca, nunha lectura continuada da Odisea para celebrar o Día do Libro. Velaquí a súa crónica desta viaxe: "Chegamos a Ítaca"

13/4/11

O lugar da lectura: Día Mundial do Libro

Achégase paseniño o 23 de abril, Día Mundial do Libro e dos dereitos de Autor, en declaración da UNESCO. As bibliotecas escolares galegas celébrano reivindicando os espazos para a lectura, condición imprescindible para facilitar esta actividade, que precisa sosego, tempo, calma, libros e lectores activos.

"O lugar da lectura" é tamén un fermoso texto que o poeta Carlos Negro escribiu para as Bibliotecas Escolares de Galicia. Con este texto, e imaxes da Asesoría de Bibliotecas, vén de editarse un marcapáxinas especial co fin de celebrar este Día Mundial do Libro.


MARCAPÁXINAS

4/4/11

Memoria dun neno labrego



Co gallo da celebración dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, son moitos os centros que están a programar actividades e facendo revivir a Balbino, o protagonista, coma neste caso, na voz dos propios lectores de hoxe. Alumnado e profesorado do IES Pino Manso (O Porriño, Pontevedra) está realizando lecturas deste texto, que gravan en vídeo nun proxecto de gran interese, poñéndolle voz e cara a un libro fundamental na historia e no presente da literatura infantil e xuvenil galega, na literatura galega sen cualificativos. No blog da biblioteca podemos acceder aos distintos capítulos. Pola súa parte, no CEIP Frian-Teis (Vigo, Pontevedra) aproveitaron o Día Internacional do Libro Infantil para dedicar a súa actividade a Memorias dun neno labrego e ao seu autor.

Abril, mes dos libros

O mes de abril é un fervedoiro de actividade nas bibliotecas escolares galegas. A modo de exemplo, esta PROGRAMACIÓN PARA O MES DE ABRIL, do CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra), onde o libro e a lectura son os auténticos protagonistas...

31/3/11

2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil


Velaí chega abril, chamando á porta cos seus petos cargados de libros... moi moderno el, trae tamén libros electrónicos, non o vaian tachar de antigo... libros en fin, para nen@s e moz@s, pero de calidade... é iso o que lle pedimos a Abril sempre.... + información aquí

15/3/11

Lipdub sobre a biblioteca escolar e a CDU no IES Fontem Albei



O Equipo de Biblioteca do
IES Fontem Albei (A Fonsagrada, Lugo) vén de subir á Rede este magnífico lipdub no que participa toda a comunidade educativa, e que xorde como iniciativa gozosa de formación de usuarios da biblioteca. Como din os seus responsables, nada está posto ao azar.
"Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para, ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca,recordar a CDU mediante a asociación de de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atras" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas. "
Parabéns mil a toda a comunidade educativa!!!