24/4/12

"Para un ambiente de lectura na escola"

Os mediadores de lectura, o profesorado e as familias que acompañan aos novos lectores na súa formación como tales, son imprescindibles. Tamén o é o papel da biblioteca escolar en canto fornecedora de recursos, pero tamén como xeneradora de actividades que permiten esa lectura "acompañada", que vincula aos libros e ao feito lector. A imaxe amósanos a un grupo de mozos e mozas do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo, nunha sesión do club de lectura do seu centro. Un bo exemplo do que reclama o texto "Para un ambiente de lectura na escola", que se vén movendo estes días pola rede e nos medios escritos, a instancias de Luis Arizaleta (Navarra), persoa comprometida persoal e profesionalmente coa difusión dos beneficios da lectura, desde hai xa moitos anos. Engadimos aquí o enlace á tradución realizado por Emilio Roca, do IES Pedra da Aguia, de Camariñas.

23/4/12

Día Mundial do Libro 2012

"Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundo e outras vidas".

Así comeza o texto OS RÍOS DA VIDA co que Agustín Fernández Paz agasallou ás Bibliotecas Escolares de Galicia, co gallo do Día Mundial do Libro, e que se publica nun marcapáxinas para conmemorar esta data no ano 2012.

Son moitas as actividades que se están a programar estes días nas bibliotecas escolares de todo o país. Neste enlace pódense consultar e confirmar así a variedade de propostas que se realizan, coa participación dos distintos sectores da comunidade educativa.  

16/4/12

"Os meus contos favoritos"

 
As nenas e os nenos de 1º de Primaria, do CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra) recomendan o seu libro favorito. Unha actividade que pretende non só fomentar a lectura, senón tamén traballar a expresión oral. O profesorado valora a necesidade de seguir traballando este aspecto, e a oportunidade de seguir ofrecendo libros de calidade, a pesar de que ás veces, non se correspondan as recomendacións da biblioteca cos "favoritos" dos lectores.

2/4/12

Rosca con poesía

Desde o CRA de Ribadumia, un Centro Rural Agrupado da localidade de Ribadumia (Pontevedra), chéganos unha proposta ben intereseante, dirixida aos padriños e madriñas para estas datas nas que se acostuma agasallar aos pequenos con doces de Pascua. Desde a biblioteca deste centro convidan a incorporar a poesía no agasallo e fanno a través da súa guía de lectura, ROSCA CON POESÍA, unha selección de títulos que chaman a compartir versos e descubirir o ritmo e a musicalidade das palabras.

27/3/12

Owly & Wormy


Unha historia que salta do papel ao soporte audiovisual e que, como mínimo, fará aflorar algún sorriso... inda que pode espertar moitas máis cousas...

29/2/12

Concurso de "blogs" de lectoras e lectores: ¿Que estás leyendo?

A OEI (Organización de Estados Iberoamericanos) vén de convocar un concurso de blogs de lectores, destinado a mozos e mozas de 12 a 15 anos, co fin de crear redes de lectores de distintos países e culturas.  

Para darlle publicidade e soporte a este concurso, iniciou a súa andaina a páxina que leva o nome do certame, questasleyendo.org, na que se pode acceder ás bases da convocatoria e a outras informacións.

Para motivar a participación no concurso, podemos ver na sección VOCES os vídeos de lectoras e lectores de diversos países, que nos falan do que están a ler e doutros aspectos relacionados cos libros e o fenómeno da lectura. A lingua galega está presente neste foro na voz de varias persoas, entrevistadas polos rapaces do CPI dos Dices-Rois, que colaboraron de forma entusiasta baixo a dirección do seu profesor Luis Aldegunde, e nas voces dos rapaces e rapazas (tamén de profesores), do propio CPI Dices-Rois (do club de lectura As Pintoras Daltónicas), do IES Fontem Albei, de A Fonsagrada, e do IES As Barxas, de Moaña.

Os entrevistados:

17/2/12

Con quen o fas? Campaña de lectura no IES Lama das Quendas

 
A biblioteca do IES LAMA DAS QUENDAS, de Chantada (Lugo) vén de difundir unha campaña de lectura entre o seu alumnado: "E ti,..." 
Con quen o fas? é o primeiro spot. Agardamos máis...

15/2/12

"La biblioteca en la triple matriz de la lectura"




José Antonio Millán: "La biblioteca en la triple matriz de la lectura", unha achega de moito interese no contexto da IV Jornada Profesioanal de la Red de Bibliotecas del Instituto Cervantes, celebrada en Madrid en decembro de 2011. NESTE ENLACE están dispoñibles todos os vídeos desta xornada, centrada na lectura dixital e o papel que poden desempeñar as bibliotecas entre os contidos dixitais e os lectores.

1/2/12

"Sí que te gusta leer"

A Secretaría de Estado de Cultura (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte), está a difundir na Rede unha campaña de lectura destinada a mozos e mozas de 14 a 18 anos, baixo o lema SÍ QUE TE GUSTA LEER (pero igual no lo sabes). Cunha presentación atractiva, a páxina da campaña ofrece xogos, enlaces interesantes e un concurso para os participantes. Parte da idea de que os que afirman que non lles gusta ler, aínda así están a ler todo o día nos seus "artefactos" favoritos e nas actividades cotiás. Son lectores aínda que non lean libros. E desde aí, trata de levalos á outro tipo de lecturas. De interese para bibliotecas escolares.

27/1/12

Imprescindible Juan Mata no congreso Familias lectoras



Video streaming by UstreamOs días 21 e 22 de xaneiro, celebrouse en Granada o congreso Familias lectoras en red, organizado pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía, en colaboración co Ministerio de Educación. Ao congreso asistiron fundamentalmente familias (pais, nais, avós lectores, nenas e nenos), e tamén profesorado procedente dos distintos recunchos de Andalucía.
A conferencia inaugural correu a cargo de Juan Mata, profesor da Universidade de Granada e unha referencia fundamental no ámbito da formación lectora e do fomento da lectura. A súa intervención é imprescindible para abordar cuestións de lectura e familia no centro escolar, para re-pensar a importancia da formación dos lectores. Recoméndase o seu visionado (a conferencia iníciase no minuto 3,30).

Lecturas pola Paz




Unha das funcións da biblioteca escolar é a de seleccionar materiais para apoiar os programas e as actividades do conxunto do profesorado dun centro. O calendario civil proporciona tamén oportunidade para visibilizar libros, películas, discos, textos dixitais... sobre un contido determinado. O Día Escolar pola Paz e da Non Violencia é unha desas datas que o profesorado aproveita para avanzar na educación en valores do alumnado, e as bibliotecas escolares para dar a coñecer materiais axeitados para a formación nunha cultura de Paz.


As bibliotecas escolares galegas difunden bancos de recursos e unhas coidadas seleccións de libros ou películas para o tratamento destes contidos. Pódense ver algúns exemplos AQUÍ