3/10/14

Referencias de Banda Deseñada desde Lalín

http://marelabe.blogspot.com.es/

Excelente páxina con referencias de Banda Deseñada, realizada desde a biblioteca "A Marela Tarabela" do IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín, Pontevedra). Cada unha das referencias conta cunha ficha editorial e algunhas conteñen outras informacións. Pódense facer buscas por "etiqueta" e atopar títulos que son adaptacións de textos narrativos, aventuras, banda deseñada, banda deseñada galega, biografías, ciencia ficción, costumismo, crónica BD, denuncia e crítica, detectives, divulgación científica, economía, fantasía épica, filosofía, heroínas, histórica, humor, manga, etc. Unha ferramenta máis para adentrarse no mundo do cómic e a novela gráfica.

1/10/14

As bibliotecas anúncianse

 
Comezado o curso escolar, as bibliotecas dos centros teñen xa todo a punto para ofrecer os seus recursos e as súas múltiples oportunidades de achegarse á lectura e á información. Pero ademais de estar preparadas, teñen que chamar a atención das lectoras e dos lectores, facerse presente na vida do centro. 

Cómpre, así mesmo, comunicar ás familias que o centro conta cun instrumento esencial para contribuír á formación dos seus fillos e fillas como lectores críticos da información, como aprendices do mundo, como cidadáns que son. Así, estes pequenos vídeos que informan da existencia da biblioteca serven tamén para poñer en valor os recursos do centro e o tipo de ensino que o cadro de docentes está disposto a exercer. Nesta ocasión vemos o exemplo do CEIP Pepe de Xan Baña (Santa Comba, A Coruña), un pequeno centro rural que leva xa algúns anos traballando con metodoloxía de proxectos arredor dunha biblioteca escolar activa.

23/9/14

Convocatoria en apoio dos clubs de lectura para o curso 2014/2015

Desde o 15 de setembro de 2014 está aberto o prazo de presentación de solicitudes de asignacións específicas para o funcionamento de clubs de lectura nos centros de ensino público de Galicia, de titularidade da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (escolas de idiomas, ensinanzas artísticas, conservatorios de música ou ensinanzas de persoas adultas). Cada centro debe presentar unha única solicitude aínda que o club de lectura integre a varios grupos de lectura, incluídos os grupos de lectura de adultos ou mixtos. O prazo remata o 10 de outubro. 
Esta iniciativa encádrase no programa Hora de ler para o fomento da lectura nos centros de ensino. 

7/7/14

Colaboro na biblioteca e o que máis me gusta é...


Xornada de convivencia do programa "Voluntarios de lectura-A" no CRD da Coruña (26-30 de maio de 2014) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Unha das experiencias más satisfactorias do pasado curso 2013/2014 foi o programa "Voluntariado de lectura-A" no que participaron 44 centros co alumnado de 3º Ciclo de Primaria.  A valoración das memorias de actividades presentadas puxo de manifesto o importante labor que estes nenos e nenas realizan nos seus centros, colaborando na xestión e dinamización da biblioteca escolar, pero tamén organizando actividades de lectura compartida, dentro e fóra do seu centro. Agora ben, un dos resultados máis interesantes do programa é comprobar que o alumnado que participa nestas actividades gana en autonomía, desenvolve habilidades de traballo colaborativo, mellora a súa competencia comunicativa, valora os bens comúns e o traballo en beneficio de outros, asume responsabilidades e, en definitiva, vai desenvolvendo competencias que lle han servir para a súa vida persoal, académica e social. 

Un dos momentos máis gratificantes da "xornada de convivencia" que viviron os rapaces dos centros gañadores no CRD da Coruña, entre o 26 e o 30 de maio, foi o martes á tarde, na presentación das súas actividades como voluntarios e voluntarias na biblioteca escolar. E ao final, pasaron polo "fotocol" para, xogando, amosar algunha das cousas que máis lles gusta facer como colaboradores da biblioteca. 

Os 48 rapaces asistentes, xunto cos seus profesores, a esta xornada de convivencia  procedían dos centros: 
  • CEIP José María Lage (Ortigueira, A Coruña)
  • CEIP de Covas (Viveiro, Lugo)
  • CEIP Filomena Dato (Barbadás, Ourense)
  • CEIP Manuel Sieiro (Crecente, Pontevedra) 
Durante a semana acudiron a obradoiros de diverso tipo (xogos cooperativos, lingua de signos, danzas do mundo, narración oral, lectura expresiva, cociña solidaria, xogos cantados, club de lectura) e asistiron aos locais da Cruz Vermella e  a biblioteca Ágora de A Coruña. todas as actividades estaban relacionadas co traballo colaborativo, o voluntariado de todo tipo e a lectura.

20/6/14

Sobre a lectura en tempo de vacacións

NESTA ENTRADA do blogue da biblioteca do IES Fernando Esquío (Neda, A Coruña), atopamos unha referencia a un artigo aparecido na revista Muy Interesante, sobre a importancia da lectura no verán para os nenos e nenas, que ben se pode empregar como argumento coas familias, para implicalos como mediadores e sensibilizalos sobre a importancia da lectura nesta etapa vacacional:
"Leer en verano es muy beneficioso, especialmente durante la infancia. Así lo ha demostrado Richard Allingont y sus colegas de la Universidad de Tennessee (EE UU), que aseguran que si dejamos de leer libros durante las vacaciones parte de las habilidades de lectura se pierden, lo que en los estudiantes supondría un retroceso de dos o tres meses en la capacidad lectora y el manejo del lenguaje. Por el contrario, los niños que leen pueden "ganar un mes de destreza en la lectura" cada verano. Esto supone que cada año se produce una diferencia entre ambos grupos de hasta tres o cuatro meses. Y, por lo tanto, que "cada dos o tres años que pasamos durante la infancia sin lecturas veraniegas implican perder al menos un año de aprendizaje", concluye Allington en la revista Reading Psychology. 

Por otro lado, un estudio similar realizado por expertos de la Universidad Johns Hopkins sugiere que los efectos acumulativos de no leer en la infancia se notan incluso durante la secundaria y en la universidad. Y que quienes leyeron de forma constante siendo niños están mejor preparados también cuando llega el momento de incorporarse al mundo laboral."

A biblioteca cerra por vacacións ??!!!

 
A biblioteca do IES Fontem Albei, de A Fonsagrada (Lugo), pecha por vacacións pero...  os seus libros non queren quedar encerrados todo o verán... Breve pero estupendo vídeo que nos chega desde este centro, onde xa levan algún tempo traballando pola alfabetización mediática do seu alumnado e que atopan na biblioteca un excelente tema para elaborar os seus guións audiovisuais.

11/6/14

Recomendacións de lectura desde Silleda

 
As nenas e os nenos de 4º de Primaria do CEIP de Bandeira (Silleda) recomendan lecturas para o verán. 

10/6/14

Hora de ler, un tempo para a lectura libre no horario lectivo

HORA DE LER on PhotoPeach  
Velaquí un exemplo de ambiente lector que se vive nunha boa parte de centros educativos galegos que puxeron a andar xa hai tempo a "hora de ler", un tempo para a lectura libre dentro do horario lectivo. HORA DE LER dá nome ao programa da administración pública galega para o fomento da lectura no contexto educativo, e foi este o termo que escolleron os centros para ese "tempo para a lectura" contemplado na normativa curricular desde 2007. Pero xa antes, concretamente a partir dos primeiros encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares en 2006, comezara a difundirse a iniciativa exitosa nun centro de A Coruña, o CEIP Emilia Pardo Bazán, que viña empregando a fórmula da "lectura silenciosa sostida", procedente das escolas anglosaxonas. A inclusión do tempo para a lectura en primaria (30'diarios) e a elaboración dos Proxectos lectores de centro axudou a espallar esta iniciativa, que hoxe se leva a cabo en practicamente todos os centros de primaria de Galicia e uns cincuenta institutos de ensino secundario. 

Desta forma, Galicia, leva xa tempo poñendo en práctica unha das recomendacións do Grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización que a Unión Europea deu a coñecer en 2012: "Reservar un tempo suficiente para a aprendizaxe da lectura a para as actividades de libre lectura, permitindo que os alumnos elixan os seus materiais de lectura e establezan o seu propio ritmo de lectura". 

As imaxes corresponden á "hora de ler" no CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño)

19/5/14

As nais e os pais contan moito!


CONTANDO CONTOS by Slidely Slideshow

Contamos moito! foi o lema dunha das primeiras campañas do programa HORA DE LER, que aló polo ano 2007 achegou materiais para o profesorado e o alumnado de Educación Infantil a todos os centros educativos de Galicia. Que os pais e que as nais "conta moito" é algo fundamental á hora de enfrontar a formación dos lectores. Así o entenden os moitos centros que buscan a complicidade das familias á hora de organizar actividades arredor da narración, a lectura, os contos... Velaquí un fermoso exemplo desde o CEIP Santiago Apóstolo (Franza-Mugardos, A Coruña)

16/5/14

Lecturas ao patio!!

No CEIP Coirón-Dena  (Meaño, Pontevedra) comezaron este curso unha nova actividade de lectura compartida, que promete excelentes resultados: Lecturas ao patio! As nenas e nenos de 5º de Primaria van ler no recreo aos alumnos e alumnnas do 1º Ciclo. As imaxes da entrada no blogue da biblioteca que informa desta actividade, podemos apreciar a atención con que escoitan os destinatarios, o que supón xa en sí un gran valor para esta acción dos "voluntarios de lectura".

I Quedada Literaria en Vigo

Segundo nos informar desde o CEIP Frián-Teis (Vigo), algúns centros da comarca xuntáronse no Parque de Castrelos, de Vigo, na I Quedada Literaria: un encontro arredor da lingua, os libros e a lectura, nunha celebración previa do Día das Letras Galegas. 

Participaron, ademáis do Frián-Teis, o CEIP O Chouzo, o CEIP A Carrasqueira, o CEIP Ría de Vigo e o CEIP O Pombal, de Vigo: tamén o CEIP Santa Mariña, de Redondela. Asistiron alumnos e alumnas de dous centros de secundaria, o  IES do Castro (Vigo) e o IES Pino Manso, de O Porriño. A organización correu a cargo dun profesor do CIFP Manuel Antonio, integrante do equipo de biblioteca, e contaron coa participación do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Parabéns!!!
Ver vídeo da TVG (minuto 11)

6/5/14

Libros á rúa!!

O IES Chamoso Lamas do Carballiño (Ourense) despregou os seus tenderetes na praza da vila para ofrecer lecturas aos veciños, nunha das súas moitas actividades arredor do Día do Libro. Podemos ver un resume de todas elas, e moitas máis imaxes, nesta entrada do seu blogue.
Para coñecer exemplos da diversidade de actividades que xeran as bibliotecas escolares galegas arredor desta data, entrar AQUÍ