25/2/21

#bescolaresgalAbertas: Hora de Ler

 



HORA DE LER dá nome ao programa da administración pública galega para o fomento da lectura no contexto educativo, e foi este o termo que escolleron os centros para ese "tempo para a lectura" contemplado na normativa curricular desde 2007. Pero xa antes, concretamente a partir dos primeiros encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares en 2006, comezara a difundirse a iniciativa exitosa nun centro de A Coruña, o CEIP Emilia Pardo Bazán, que viña empregando a fórmula da "lectura silenciosa sostida", procedente das escolas anglosaxonas. A inclusión do tempo para a lectura en primaria (30'diarios) e a elaboración dos Proxectos lectores de centro axudou a espallar esta iniciativa, que hoxe se leva a cabo en practicamente todos os centros  de Galicia.

Desta forma, Galicia, leva xa tempo poñendo en práctica unha das recomendacións do Grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización que a Unión Europea deu a coñecer en 2012: "Reservar un tempo suficiente para a aprendizaxe da lectura a para as actividades de libre lectura, permitindo que os alumnos elixan os seus materiais de lectura e establezan o seu propio ritmo de lectura". 

 

 

Nas Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar da Dirección Xeral de centros e RRHH, de 1 de setembro de 2020, indícase que "Desde a biblioteca escolar coordinaranse as actuacións para o desenvolvemento do Proxecto Lector de Centro e deberán contemplarse os beneficios de experiencias de eficiencia xa contrastada como a “Hora de ler”, actividades de lectura compartida ou osclubs de lectura, nas súas diferentes fórmulas."
 
Así, a pesar das limitacións e protocolos, as bibliotecas escolares galegas continúan dando apoio e recursos par que a Hora de Ler chegue a todo o alumnado.
Imaxe do ilustrador Óscar Villán 
 
Hora de Ler  nas bibliotecas escolares galegas:

 

1 comentario:

Anónimo dijo...

Cep Carlos Casares