12/7/11

Premio Sunshine Award 2011

Este espazo web recibiu con satisfacción, hai uns días, a sorpresa de ser agasallado con este luminoso recoñecemento, por parte do blog Caderno da crítica, a quen llo agradecemos. Cumprindo co ritual deste tipo de "premios", propoñemos outros 12 blogs que, coma este, serven para difundir o libro e a lectura, desde a óptica da escola. Blogs que mantén un profesorado comprometido coa educación dos máis novos, e coa sociedade, con profesionalidade e moito tempo persoal dedicado á formación de persoas lectoras. Entre a marea de espazos web das bibliotecas escolares galegas, velaquí unha ducia de soños e de pequenas utopías:


Biblioteca. Milladoiro. Malpica. CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña)


Pasapáxina. CEIP José Cornide Saavedra (A Coruña)



O lar de frianciño. CEIP Frián-Teis (Vigo, Pontevedra)




Raioteca. CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña)



O Recanto de Leo. CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra)




Bibliomanía. IES de Sanxenxo (Sanxenxo, Pontevedra)




O Segrel do Penedo. IES de Fene (Fene, A Coruña)



Biblioiris. IES Luís Seoane (Pontevedra)




Biblioteca do CMUS de Lugo (Lugo)




Club de lectura O Balbordo (IES Río Cabe, Monforte, Lugo)




Nós tamén navegar. Club de lectura (IES Lagoa de Antela, Xinzo de Limia, Ourense)




Biblos Vivos. Club de Lectura (IES Pedras Rubias. Salceda de Caselas, Pontevedra)

7/7/11

Competencia lingüística e número de libros na casa

Unha vez máis confírmase a relación entre o número de libros existentes no domicilio familiar e os resultados nas probas de comunicación lingüística. Desta vez, o gráfico corresponde ao estudo da "Evaluación General de Diagnóstico 2010, Educación Secundaria Obligatoria, 2º curso). Ver o informe completo: INFORME EGD 2010-ESO

23/6/11

Un verán de libros... e de música, e de cine...

As bibliotecas escolares galegas están a piques de botar o peche por este curso (aínda quedan labores que facer... ) pero antes, continuando coa súa función de orientación e formación da competencia lectora, tiveron tempo para seleccionar lecturas para o verán: lecturas para as lectoras e os lectores de todas as idades, combinando o novo co clásico, recuperando textos imprescindibles, avanzando novidades que prometen... velaquí as recomendacións de libros, películas, discos e actividades que nos propoñen: UN VERÁN DE LIBROS

12/6/11

IV Xornada dos Clubs de lectura. Materiais

O venres 10 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela a IV Xornada dos Clubs de Lectura, coa asistencia de 205 profesoras e profesores que coordinaron durante o presente curso os clubs de lectura en centros de ensino secundario de toda Galicia. O 54% dos centros públicos que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, idiomas ou ensinanzas artísticas, contan cun club de lectura, que pode albergar un ou varios grupos de lectura. Unha realidade que non se pode obviar cando se observa o fenómeno da lectura en Galicia.
Neste enlace pode accederse aos materiais e, nos vindeiros días, aos vídeos das diversas sesións.
+ información no blogue LER EN MANCOMÚN

27/5/11

Hora de ler.... e de escribir.


No IES Vilalonga (Sanxenxo, Pontevedra), froito da colaboración entre a Biblioteca Escolar e mais o ENDL, realizouse un ano máis o certame literario, nesta ocasión baixo o lema ABRIL DOS LIBROS E MAIO DAS LETRAS, unha convocatoria que inclúe a creación literaria pero tamén os traballos de investigación. Aumenta paulatinamente o número de alumnas e alumnos participantes, chegando este ano aos 280. + información no blogue: A beira das palabras

18/5/11

IV Xornada dos Clubs de Lectura dos centros de ensino secundario de Galicia

Un ano máis, reunirase en Santiago de Compostela o profesorado que coordina os clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia, no que será a IV Xornada dos Clubs de Lectura, e no que participarán desta vez, 200 profesores e profesoras de toda Galicia. Esta xornada servirá para mellorar a formación e intercambiar experiencias, propostas e iniciativas de colaboración dun profesorado comprometido coa educación e coa formación do seu alumnado como lectores e como cidadáns.
Artigo relacionado.

12/5/11

Unha fórmula flexible para facer lectoras e lectores

A idea de propiciar as lecturas compartidas pode adpatarse a múltiples contextos e a todo tipo de alumnado, e pode tamén responder a distintos obxectivos, aínda que sempre a finalidade última será que a experiencia lectora resulte tan grata que favoreza o vínculo entre o lector e a lectura.... Chéganos a crónica da experiencia levada a cabo no CEIP de Louro (Muros, A Coruña), que reproducimos en palabras da profesora responsable da biblioteca:

"Fixemos dous grupos: Infantil e 1º ciclo (aínda que algúns de 2º estaban no outro grupo); 2º e 3º ciclos (cos "engadidos" de 2º). Mediante sorteo fixemos parellas formadas por unha persoa de cada un dos grupos (a excepción de infantil de 3 e 4 anos, que ína dous ou tres xuntos co rapaz ou rapaza que lle tocara do outro grupo).

As lecturas preparáronnas previamente e, a diferencia doutros centros, polo que vin, é que os dous membros da parella lína o conto (non só os maiores aos pequenos). Calculamos un promedio de 10 minutos para cada lectura. Cando un dos compoñentes da parella terminadaba, tocáballe o truno ao outro.

A verdade é que era unha imaxe impresionante. A todo o profesorado lle encantou e tamén aos nenos e nenas. Impactounes o respecto que demostraba cara ao "padriño" ou "madriña" de turno, tanto se fora dos maiores como dos pequenos".

6/5/11

Compartir lecturas cos pequenos ten "miolo"

As mozas e mozos do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz, Lugo) sumáronse este ano á pequena marea de lectores que andan a compartir historias e poesías cos máis pequenos. No seu blogue podemos acceder á crónica desta experiencia que, semella, resultou grata para todas e todos... a lectura de contos nos colexios de Guitiriz, Parga e A Castellana.
Compartindo Libros (I, II e III)

Nós queremos salientar un anaco da propia valoración que fan desde a biblioteca escolar, porque nos parece moi esclarecedora: a participación neste tipo de actividades, aínda que son gratas, non son un xogo, e conteñen unha grande potencialidade de aprendizaxe de todo tipo de competencias (lingüísticas, e outras):


"Cremos que o resultado da experiencia foi moi positivo para todos. Cada grupo tivo primeiro que organizarse, repartirse os textos, papeis, acordar momentos para ensaiar, realizar unha lectura en alto en grupo intentando transmitir a emoción ou chiste ou pena, do conto, vencer a vergoña e se enfrontar á unha lectura cun público esixente … volver ós colexios onde estudaron a primaria e ler moitas veces diante dos seu antigos mestres, dos seus veciños, etc. En fin quedamos bastante satisfeitos da experiencia e dispostos a repetir."

5/5/11

Libros con ciencia


Unha proposta da biblioteca escolar do CEIP Graxal (Cambre, A Coruña): actividade voluntaria, no recreo, arredor de "libros con ciencia"... porque ler hoxe é ler todo tipo de textos en todo tipo de soportes con todo tipo de finalidades... e as bibliotecas escolares o están facendo posible.

Ver toda a información no blogue da biblioteca: Librolandia.be

3/5/11

Unha marea que se estende... + madriñas e padriños lectores

Seguen chegando noticia de bibliotecas escolares galegas que botan a andar (ou repiten) esta iniciativa, e que aseguran resultados excelentes. Velaquí máis exemplos:

2/5/11

+ lecturas compartidas....

Que ben se le na herba!!! Velaquí outro exemplo de apadriñamento lector/amadriñamento lector, desta vez no CEIP Frián-Teis (Vigo, Pontevedra), tamén co gallo do Día do Libro.
+ información no blogue da biblioteca do centro: O lar de Frianciño.

Tamén nos chega noticia do CEIP O Ramo (Fene, A Coruña), do ben que o pasaron as nenas e os nenos do colexio, nunha actividade máis de amadriñamento/apadriñamento lector.

E como non hai dous sen tres, velaquí as fermosas imaxes da actividade Eu leo para ti, celebrada no CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña).

Outra forma de celebrar o Día do Libro

No CEIP Eduardo Pondal (Vigo, Pontevedra) celebraron o Día do Libro cunha práctica de lectura xa bastante estendida nas bibliotecas escolares galegas: a lectura de contos por parte do alumnado maior aos máis pequenos do cole. Un exemplo de convivencia coa lectura como mediadora... un exemplo de fomento da lectura, como práctica socializadora. Parabéns a toda a comunidade educativa que fai esto posible!