7/4/14

"Tui lee"

Xuntar máis dun milleiro de nenos e nenas de todas as idades e niveis de ensinanza non universitaria para participar nunha festa da lectura, é xa unha realidade nun concello galego. Velaquí o caso de Tui (Pontevedra), que baixo o lema TUI LEE, leva xa cinco anos aglutinando esforzos, imaxinación e vontades arredor dos libros e da lectura. 

As bibliotecas dos centros educativos de Tui, xunto coa Biblioteca Pública Municipal, organizaron unha vez máis o encontro de lectura TUI LEE, co gallo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil,  desta vez no Claustro gótico da catedral de Tui onde os participantes, o seu profesorado e algúns avós, compartiron lecturas, recitais, música, danza e dramatización. No blogue da biblioteca do IES SAN PAIO, un dos organizadores, podemos ler unha pequena crónica deste día. 

Ademais da Biblioteca Pública Municipal, participaron alumnado dos seguintes centros: CEIP nº 1, CEIP Nº 2, CEIP Pazos, CEIP Randufe, CEIP Guillarei, CRA Mestra Clara Torres, CEIP Rebordáns,IES San Paio, IES Indalecio Pérez, Seminario de Tui e Colexio dos Maristas. 

2/4/14

2 de abril, un día con significado

O 2 de abril ten un significado moi marcado para os mediadores do libro e da lectura, ao conmemorarse o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen. O Día Internacional do Libro Infantil está xa moi presente nas programacións de bibliotecas e centros escolares. Pero é tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, recoñecido así pola Asemblea das Nacións Unidas en 2008. 

"O autismo é unha discapacidade permanente do desenvolvemento que se manifesta nos tres primeiros anos de idade. A taxa do autismo en todas as rexións do mundo é alta e ten un terrible impacto nos nenos, as súas familias, as comunidades e a sociedade", podemos ler na páxina web da ONU.

As bibliotecas escolares, atentas á realidade dos centros e das nenas e nenos que lles dan vida, van incorporando nas súas programacións algunhas actividades para dar resposta e cobertura en materia de lectura aos nenos e ás nenasque presentan esta discapacidade (tamén ás súas familias), poñendo así en práctica esa "atención á diversidade" tan difícil ás veces de concretar en feitos. Vemos algúns exemplos
  • Na biblioteca do IES Ribeira do Louro (O Porriño) están adquirindo materiais destinados ao alumnado con trastorno do espectro autista e ás súas familias. Velaquí unha guía dos materiais cos que conta a biblioteca, elaborada en colaboración cunha nai implicada: Pinterest sobre neurodiversidade (a imaxe desta entrada corresponde a este material)
  • A biblioteca do CEIP Frián-Teis (Vigo) propón unha serie de recursos para coñecer mellor este trastorno que presentan algúns alumnos e alumnas do centro. e que pode resultar útil a calquera docente. Así mesmo, esta entrada do seu blogue recolle exemplos de materiais que poden favorecer a lectura a este alumnado. 
  • No blogue da biblioteca do IES Pazo da Mercé (As Neves) lembran tamén esta data e achegan materiais relacionados cun caso concreto de autismo, "A canción de Manuel"

1/4/14

"Adiós rios, adiós fontes..." en lingua de signos

 
As bibliotecas escolares non deixan de sorprender... Velaquí unha actividade para o Día de Rosalía na biblioteca do CEIP de Santo Paio de Abaixo (Redondela, Pontevedra): un recitado colectivo do poema de Rosalía de Castro "Adiós ríos, adiós fontes" en lingua de signos. Parabéns ao profesorado que está detrás desta forma de "facer escola", que é unha forma clara de construír cidadanía.

21/3/14

Entregados os premios questasleyendo.org 2013 en Compostela


O pasado 19 de marzo, o auditorio da Biblioteca de Galicia acolleu o acto de entrega dos premios do concurso questasleyendo.org correspondente ao ano 2013 e a participantes do Estado Español. Este concurso é convocado pola OEI, a Organización de Estados Iberoamericanos para la Ciencia la Educación y  la Cultura e pretende crear unha rede de lectoras e lectores entre os mozos dos países iberoamericanos que puxeron en marcha blogs persoais relacionados cos libros e a lectura. 

A organización escolleu Galicia para a entrega de premios polo alto número de participantes desta comunidade, e porque tanto o blogue gañador como catro dos dez blogues finalistas son de mozos e mozas galegos. Tamén acudiron ao acto as cinco autoras do blogue finalista "Sueños de papel en una ciudad de tinta", que xunto coa súa profesora fixeron a viaxe desde Madrid ata Compostela, coa ilusión que describen nesta entrada do blogue.

Presidiron o acto Fabiola Sotelo, en representación da OEI, María Jesús Gil, da fundación SM (patrocinadora do concurso) e o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, responsable das políticas de bibliotecas escolares e fomento da lectura en contexto educativo, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

Inés Miret, responsable de ¿Qué estás leyendo? moderou unha mesa redonda coa participación dos dous irmáns autores do blogue finalista, Libros Lectureka!,  e un representante de cada un dos blogues finalistas presentes no acto, e na que compartiron experiencias, opinións e sentimentos sobre os libros e a lectura.

Xa está aberto o prazo do concurso ¿Qué estás leyendo? correspondente a 2014, desta vez destinado a lectores entre 15 e 17 anos, e que ten como premio unha viaxe a Bos Aires, para un encontro entre os gañadores dos diversos países iberoamericanos. O prazo de inscrición dos blogues remata o 30 de xullo.

11/3/14

A coller a cámara xa!!!

A lectura como obxecto de estudo, de expresión, de creatividade... Son varias as bibliotecas que convocan entre o seu alumnado concursos de fotografía coa lectura como tema. Nesta ocasión, o IES Pedra da Aguia (Camariñas, A Coruña), amplía a súa convocatoria a todos os centros de primaria e sencundaria de Galicia. Así podemos velo nas bases desde II Certame fotográfico "Ollando lecturas" que toma como tema "a lectura na vida cotiá". O prazo de presentación de roxianis remata o 6 de abril de 2014.

Un último acerto desta convocatoria é que os premios son vales de distintas contías para canxear en librerías seleccionadas polo autor ou autora premiado, cun apartado especial para alumnado do propio IES Pedra da Aguia, a desembolsar nunha librería do concello de Camariñas.

10/3/14

O 2 de abril chega en nada

Coma en anos anteriores as diferentes seccións da IBBY difunden a imaxe e o texto conmemorativos do Día Internacional do Libro Infantil, a celebrar o vindeiro 2 de abril, en memoria de Hans Christian Andersen. 

Nesta ocasión, é Irlanda o país encargado de poñerlle palabra e imaxe a este cartel que percorre o mundo enteiro lembrando a necesidade de manter viva unha literatura de calidade destinada a nenos e mozos. O texto "Carta aos nenos do mundo" é da escritora e editora irlandesa Siobhán Parkinson, que recibiu entre outros premios o Premio Laureante na nög, o Premio de Literatura Infantil de Irlanda. Pola súa parte, a imaxe do cartel é de Niamh Sharkey, unha ilustradora irlandesa así mesmo merecedora do Premio de Literatura Infantil de Irlanda, entre outros galardóns.

GALIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, difunde este material e tamén un concurso de expresión creativa que convoca a OEPLI (Organización española para el libro infantil y juvenil),  no que poden participar as nenas e nenos dos centros de ensinanza primaria e dos dous primeiros cursos de ESO. Este concurso "INVITA A HANS CRHISTIAN ANDERSEN..." proponlle ás nenas e aos nenos que deseñen unha postal para invitar a Anderssen a visitar e coñecer o sitio no que viven, neste caso, Galicia. Pódense consultar as bases AQUÍ. O prazo para a entrega de orixinais remata o 2 de abril e deben enviarse ao domicilio de GALIX (ver nas bases).

Versos de mulleres que falan de mulleres

Selección poética desde a biblioteca do IES de Poio (Poio, Pnotevedra), co gallo da conmemoriación do Día Internacional da Muller, o pasado 8 de marzo.

5/3/14

Os países que máis len

Interesante mapa da lectura no mundo... aínda que non hai datos de todos os países... pode servir para coller perspectiva. Vía Microsiervos

14/2/14

Unha data tamén axeitada para reforzar a lingua




Cando unha biblioteca está atenta a TODAS aquelas competencias básicas do alumnado que pode e debe reforzar, aproveita canta oportunidade dá a actualidade para ofrecer propostas que faciliten a mellora dalgún aspecto curricular. Velaquí temos un excelente exemplo, desde o CEIP Milladoiro, de Malpica: atent@s como están á mellora da competencia lingüística do seu alumnado, aproveitan o 14 de febreiro para mobilizalos arredor dunha canción en lingua galega: "Quérote máis",  do grupo Sonoro Maxín, con concurso de literatura creativa incluído. Podemos ver máis no seu blogue.  Poñer atención aos aspectos afectivos, lembremos, ten unha potencialidade educadora moi significativa e víncúlanos fortemente ás aprendizaxes realizadas.

12/2/14

Amor ás palabras, palabras de amor


O mes de febreiro trae unha data motivadora para traballar a poesía e as bibliotecas escolares aprovéitana ben. Velaquí algúns exemplos: 

11/2/14

Crocodilo namorado cobra vida na voz dos lectores

 
Os contos cobran vida nas voces dos pequenos lectores. Velaquí oa versión do conto Crocodilo namorado, de Daniela Kulot, da editorial Kalandraka, nas voces das nenas e nenos de Infantil-3 anos do CPI de Mondariz (Mondariz, Pontevedra).

4/2/14

O "libro de visitas" da biblioteca do CEIP Condesa de Fenosa

 
Moitas bibliotecas escolares foron incorporando un "libro de visitas" para recoller as sinaturas de autores e outros visitantes "ilustres" á biblioteca. Aos poucos, estes libros de visitas van construíndo unha parte da memoria da biblioteca e son, tamén, documentos de valor bibliográfico que enriquecen a súa colección. 

No CEIP Condesa de Fenosa (O Barco) decidiron dixitalizar estes "agasallos" dos autores que visitaron a súa biblioteca e veñen de poñelos a disposición de todos os lectores a través do seu blogue.