26/10/12

Celebrando o Día da Biblioteca Escolar... compartindo lecturas!!!


As bibliotecas escolares galegas celebraron a apertura do curso con distintas actividades pero cando chega o 24 de outubro, Día da Biblioteca, hai que poñerse "serios" e demostrar que a lectura é un valor e que a biblioteca é un espazo imprescindible para medrar como lectores. E no CEIP Saco e Arce  de Toén (Ourense) tivérono claro: 
Como lles gusta aos nenos que lles lean!
 E como lles gusta aos maiores lerlles aos pequenos! 
O día da Biblio volvemos a poñer en marcha o "apadriñamento" lector.
Tanto éxito ten esta actividade, que os días seguintes, sen que ninguén dixese nada, nos recreos os "pequenos" achegabanse a biblio para que os "maiores" lles lesen.
 E os maiores buscaban aos pequenos nas  súas aulas para ofrecerse a lerlles o que quixesen.
 Algúns case parecían contacontos profesionais!
Non hai máis que ver estas imaxes para darse conta da profundidade coa que está calando a lectura nestes nenos, nestas nenas. Non hai máis que mirar nos seus ollos e observar a súa xestualidade... 

1/10/12

IV Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia

As IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia celebraranse os vindeiros 9 e 10 de novembro, en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos). O lema destas xornadas é LER PARA VER, e van estar adicadas á alfabetización mediática e informacional, aos medios de comunicación e a lectura crítica dos contidos audiovisuais, entre outros.

17/9/12

De zona de paso... a recuncho de lectura



 
Desde o IES Poeta Añón (Outes, A Coruña), chéganos este vídeo que documenta o proceso de transformación dunha zona de paso nun espléndido recuncho de lectura, coa colaboración da rapazada e do Departamento de Plástica do centro: un orzamento mínimo, algún moble reciclado e unha gran dose de imaxinación e ghanas... Gañar espazos para a lectura, unha forma de "mediar" e facilitar que os rapaces e rapazas se sintan a gusto nesa actividade, que é a única forma de habituarse á lectura...  Parabéns por esta iniciativa e grazas por compartila!!

13/9/12

10 propósitos para o novo curso, compartidos


Non se podería resumir mellor...  velaquí unha presentación con 10 propósitos para o novo curso, atopada en Gramática Parda, do profesor andaluz  Aitor Lázpita,

12/9/12

Unha vida entre libros. Ana María Machado



Conferencia de Ana María Machado, na apertura do Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y La Cultura - IV Congreso Leer.es (Salamanca, 5, 6 e 7 de Setembro de 2012)

Hora de ler, un programa para o fomento da lectura.

Salamanca acolleu os pasados 5, 6 e 7 de setembro o Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y la Cultura - IV Congreso Leer.es, organizado conxuntamente pola OEI (Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura) e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. A lectura e os lectores estiveron moi presentes en mesas redondas, conferencias e comunicacións. A páxina do congreso está dando acceso a todos os materiais. As bibliotecas escolares galegas estiveron presentes, entre outras, a través das persoas responsables da Asesoría de bibliotecas escolares, que presentaron dúas comunicacións: Bibliotecas Escolares de Galicia, aceleradores de innovación, e estoutra, máis centrada nas accións que para o fomento da lectura se levan a cabo nos centros escolares, co apoio da Consellería de Educación, a través do programa HORA DE LER:

4/9/12

Convocatoria de axudas para Clubs de Lectura. Curso 2012/2013

Club de lectura. IES Pedra da Aguia. Ponte do Porto-Camariñas

Ata o 15 de outubro está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de axuda para o funcionamento de clubs de lectura no curso 2012/2013, para centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. Hoxe, 4 de setembro, publícase no Portal Educativo a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que regula a concesión destas axudas.

No curso 2011/2012 houbo un total de 217 centros que tiveron clubs de lectura en funcionamento, con apoio desta iniciativa da consellería, encadrada no programa HORA DE LER para o fomento da lectura en centros de ensino.

4/7/12

Unha gándara de libros

"Existe un libro de maxia titula "O Ciprianillo" no que se din os lugares de toda Galicia onde os mouros deixaron enterrados os seus tesouros, algúns son grandes tesouros e outros teñen menos valor. E nese libro dise o seguinte: "Deixamos un tesouro de pouco valor na quebradas das Gándaras. As pedras que a cercan cheiran a xofre". Pois ben, o que non sabía Cipriano ao escribir isto é que moitos anos máis tarde nas Gándaras, que soen ser terreos baixos, areentos e pouco produtivos onde só medra a maleza... nese lugar infértil agóchase agora outro tesouro, un tesouro moi valioso: só hai que entrar no Colexio, abrir unha porta ao fondo dun corredor e aló poderase ver un tesouro custodiado pola maga Sara e os seus e as súas axudantes. Cada libro fala de ti. Cada libro é unha parte do teu tesouro. Felicidades a todos e a todas por facer dun terreo infértil unha gándara de vida, unha gándara de libros". Olga Novo

Texto extraído do discurso da poeta Olga Novo na inauguración da Biblioteca do colexio CEIP A Gándara, en Monforte de Lemos, o 31 de maio de 2012.

"Ler non é clandestino"

 
Desde a biblioteca do IES Chano Piñeiro, de Forcarei (Pontevedra) chéganos esta versión afortunada do tema de Manu Chao, "Clandestino". LER NON É CLANDESTINO anuncian os mozos e mozas deste instituto de ensino público do rural galego. Parabéns pola idea, pola versión e pola edición deste vídeo. Parabéns tamén polo traballo que hai detrás a prol da lectura. .

26/6/12

V Xornada dos Clubs de lectura



O 9 de xuño de 2012 reuníronse en Compostela máis de 400 lectores e lectoras na V Xornada dos Clubs de lectura, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os asistentes eran todos integrantes dos clubs de lectura existentes en 215 centros educativos de ensino secundario de Galicia no curso 2011/2012, e que recibiron axudas en virtude dunha convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto do programa HORA DE LER, para o fomento da lectura nos centros de ensino. Participaron os profesores e profesoras que coordinan estes clubs e unha representación de alumnos e alumnas que participan nos diferentes clubs, así como nais e pais ou persoal non docente que forman tamén grupos de lectura de adultos nalgúns dos centros.

Este vídeo resume un pouco o que alí pasou.

20/6/12

Emili Teixidor

"Contaxiar o desexo de ler é como contaxiar calquera outra convicción profunda: só se pode conseguir, ou mellor intentar, sen imposicións, por simple contacto, imitación ou seducción. Non se trata de encher ningún vaso –cerebro- baleiro, senón de prender nunha silveira o lume que nos axita. Polo simple contacto dunha chama. O mellor contaxio/contacto é o exemplo”.

Na tarde de onte, 19 de xuño, coñecíamos a nova da morte de EMILI TEIXIDOR, unha das persoas máis comprometidas co fomento da lectura neste país, a través da súa obra e a través do seu exemplo. Estivo connosco en novembro de 2006, nos I Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, e coas palabras que reproducimos resumía a súa intercención. Foi un privelexio coñecelo e disfrutar da súa palabra.  Afortunadamente, quédannos os seus libros. Recomendamos, para os mediadores, LA LECTURA Y LA VIDA (Ariel, 2007).

24/5/12

A lectora de portugués, tamén conta!

A presenza de lectores ou lectoras de idiomas nos centros é unha oportunidade que se pode aproveitar tamén para ampliar o espectro das lecturas que ofrece a biblioteca. Así o entenderon no CEIP A Sangriña, de A Guarda (Pontevedra), unha poboación xa moi próxima a Portugal. Neste centro contan cunha lectora de portugués que se prestou para narrar un conto neste idioma aos nenos e nenas de infantil. Así nolo contan no seu blogue e nós difundímolo porque é unha práctica de interese que ben pode inspirar outras iniciativas. Parabéns ao profesorado implicado, e parabéns aos nenos e nenas que puideron disfrutar do conto A QUE SABE A LÚA con outros matices.