23/4/15

Día Mundial do Libro 2015


Día do Libro 2015 from bibliototem on Vimeo.

Unha das moitas actividades organizadas desde as bibliotecas escolares dos centros públicos galegos por mor do Día Mundial do Libro 2015. Neste vídeo podemos ver a Viaxe ao centro dos libros, organizada no IES A Xunqueira II de Pontevedra. 

17/4/15

Un vídeo promocional... con moitas sorpresas


Desde o CEIP Nicolás del Río, de Cedeira, achégannos este vídeo promocional da IV Feira dos Libros, que andan a preparar. Interesante proposta na que colaboran as nenas e os nenos voluntarios na biblioteca e xentes de Cedeira. O vídeo garda moitas sorpresas e demostra que cando a escola sae á medio enriquécese e amplía as súas posibilidades. Parabéns!

16/4/15

Guía de lecturas sobre a Antártida. IES As Mariñas

No IES As Mariñas, de Betanzos, andan embarcados nun proxecto interdisciplinar sobre a Antártida. Ademais das exposicións (como a da imaxe) e as presentacións dos traballos que van realizando aos poucos os alumnos e alumnas, desde a biblioteca elaboraron esta guía de lectura: A ANTÁRTIDA, que pode resultar de interese para quen queira adentrarse nas expedicións históricas para "conquistar" este continente. A guía recolle libros e películas sobre expedicións a outros lugares do mundo, e sobre a vida nestes espazos singulares (e, segúndo os científicos, en grave perigo por mor do cambio climático e os conflictos por facerse coas materias primas), que son o Ártico e o Antártico.

Un xardín poético no CEIP Pepe de Xan Baña

Para celebrar o Día da Poesía, o 21 de marzo, no CEIP Pepe de Xan Baña (Santa Comba), crearon este Xardín Poético no que as nenas e os nenos dan voz aos poemas, nunha "intervención" festiva, luminosa e alegre. Lembran tamén que o nome do centro é nome de poeta.

25/3/15

Libros para comer

https://www.pinterest.com/colesteiro/libros-de-coci%C3%B1a-para-compartir-en-familia-bolsas-/ 
Desde a biblioteca do CEIP Esteiro (Ferrol) chéganos esta selección de libros de cociña, dispoñibles para o alumnado e que chegan ás famillias a través das súas particulares mochilas viaxeiras. 

23/3/15

Os "Contabiblio", lemos para ti!!


O alumnado voluntario do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra) ideou este anuncio publicitario para dar a coñecer unha das súas actividades. Estes "contabiblios" parece que teñen xa moito éxito no seu centro.
Fantástico ese lema que empregan: ESCOITAR TAMÉN É LER.
Parabéns e este grupiño de rapazas e rapaces, e ao profesorado que fomenta, co seu labor, este tipo de actitudes e competencias.

24/2/15

Falardlibros, nova actividade no IES Fontexería (Muros)

Darlle voz aos lectores e ás lectoras da comunidade educativa e facilitar que poidan compartir a súa experiencia lectora co alumnado  é unha fórmula interesante para contaxiar o gusto pola lectura. A biblioteca do IES Fontexería, de Muros, pon en marcha unha nova actividade, Falardlibros, a través da cal convida a persoas da comunidade educativa que por calquera razón se sinten vinculadas a un libro que lles resulta especial, para que comparta esa experiencia de lectura co alumnado do centro. O lugar: a biblioteca. O tempo: un recreo. Destinatarios: o alumnado do centro. Protagonista: calquera membro da comunidade educativa e o libro por el ou ela escollido. 

Na imaxe vemos a primeira convocatoria desta actividade na que Antón Díaz, profesor de Tecnoloxía no centro falará sobre un libro de Oliver Sacks: El tío Tungsteno.

9/2/15

Hora de escoitar outra versión dos feitos

É hora de escoitar as razóns dos "malos" dos contos. Axúdannos as nenas e os nenos de 6º de primaria do CEIP Milladoiro, de Malpica, que estiveron estudando "o punto de vista" como técnica narrativa, poñéndose no lugar do outro, argumentando... Ademais, segundo afirma a súa profesora, traballando competencia dixital (descarga de arquivos, uso de lugares de aloxamento na nube, publlicación de arquivos de son, confección de listas de distribución...) 

Nesta entrada do blogue  de 3º ciclo, aloxado no blogue da biblioteca  podemos acceder a outros exemplos nas voces dos seus creadores, todos eles sorprendentes.

29/12/14

"Modestina quere saber" e quere que as nenas e os nenos saiban tamén...


Modestina é unha tartaruga lectora e vive na biblioteca do CEIP San Ramón, de Moeche (A Coruña). Modestina gusta de facerse autorretratos, "selfies", en distintos lugares do seu concello e propoñer un xogo ás familias. Trátase do concurso "Os selfies de Modestina" que anda a revolucionar á comunidade educativa do centro e consegue que as familias xoguen con ela a descubrir o lugar no que se fai o selfie e a buscar algunha información sobre o mesmo. Así se explica o xogo no blogue da biblioteca:

"Os selfies de Modestina" é o novo concurso da nosa tartaruga. Un reto apaixoante no cal podemos participar TODO O ALUMNADO coas SÚAS FAMILIAS. Consiste no seguinte: - Unha vez ao mes (máis ou menos) Modestina subirá ao blogue 2-3 imaxes dalgún lugar de Moeche ou dos arredores cercanos. O obxectivo é que cada familia atope o lugar da imaxe, realice un "selfie" no mesmo e resolva un par de preguntas relacionadas con el. Desta maneira poderemos coñecer algo mellor a nosa contorna (en relación co proxecto anual de centro) e pasar un tempo divertido en familia. (Vale tamén realizar calquera tipo de fotografía onde se vexa aos participantes no lugar solicitado).

Pero Modestina tamén propón outros xogos de buscas informativas ao alumnado do centro. Velaquí un exemplo das  "roldas de Modestina quere saber... ", un concurso no que participa o alumnado por equipos e que podemos coñecer tamén a través deste blogue.

18/12/14

Formación de usuarios de bibliotecas... e de librarías!



 Desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, chéganos esta crónica da visita dos alumnos e alumnas a unha libraría co fin de elixir e adquirir libros e películar para a biblioteca. Os "compradores" son membros do club de lectua e alumnado que acostuma participar nas actividades propostas pola biblioteca. é unha actividade "de premio" pero é tamén unha actividade educativa, planificada e útil. Así nolo conta o responsable da biblioteca, Santiago Dans:

Un ano máis os nosos alumnas e alumnos participaron na adquisición de fondos para a biblioteca. 
O pasado martes 16 fixemos un excursión ao Fnac da Coruña onde os nosos alumnos e alumnas puideron curiosear, comentar, elixir e mercar libros e películas para a nosa biblioteca. Esta actividade está dirixida ó alumnado que participa máis nas actividades da biblioteca e no club de lectura.

Escollemos unha librería grande, con bastante fondo e con espazo para podernos reunir a comentar as compras realizadas. Cada alumna dispón do mesmo presuposto para adquirir libros. Con el poden mercar un libro ou  varios, poden se xuntar cun compañeiro se non lles chega. Unha vez seleccionados os libros as rapazas terán que explicar diante de todos o motivo da súa elección, a utilidade que pode ter para os demais, etc. Trátase así de que reflexionen sobre o material que é mais axeitado para unha biblioteca  escolar e  para os seus compañeiros. Despois, xa de volta no instituto e na biblioteca cada un catalogará os libros que escolleu e poderá facer unha dedicatoria para todos os lectores. A actividade ten todos os anos unha moi boa acollida por parte do alumnado e cremos que contribúe de maneira notable a estreitar a súa vinculación coa biblioteca e os libros.

Obxectivos da actividade
  • Dotar a biblioteca de libros axeitados ó gosto dos usuarios
  • O noso centro está nunha zona rural na que non hai moitas librerías, e unha boa parte dos nosos alumnos non van nunca ou case nunca a mercarlibros, salvo os obrigatorios para as clases. Non teñen costume de ir  mirar, buscar, curiosear nunha librería e escoller libremente o que máis lles interesa. Así que este xa e de por si un obxectivo da actividade
  • Forzar ó alumnado a reflexionar sobre as razóns polas que lles atrae un libro, sobre si este pode ser interesante para os seus compañeiros, axeitado para unha biblioteca escolar…, Os alumnos terán que argumentar a súa selección ante os demais compañeiros.
  • Mellorar a formación do alumando como usuario, permitindo que participen no proceso que segue o libro dende a súa adquisición ata que o teñen á súa disposición nos andeis
  • Comprometer ó alumnado co coidado dos fondos da biblioteca.
  • Premiar a quen máis libros len e participan máis nas actividades da biblioteca: membros do club de lectura, equipo colaborador, etc

+ información no blogue da biblioteca:

17/12/14

Seica as mozas e os mozos non len... pois hai que animalos!!

Guía de lectura do IES  A Pontepedrinha (Santiago de Compostela) 
Van chegando aos poucos as guías de lectura que as bibliotecas escolares galegas recomendan aos integrantes das súas comunidades educativas para este período vacacional do Nadal 2014. Recollemos aquí unha presadiña de recomendacións elaboradas por bibliotecas de centros de ensino secundario. O preconcepto asentado nos medios de comunicación acríticos que falan continuamente de que "as mozas e os mozos non len"   perde pé cando se coñece de preto a realidade dos institutos de ensino secundario de Galicia onde as bibliotecas están activas e manteñen unha programación anual de calidade, na que destaca habitualmente a presenza de grupos de lectura de distintos niveis e intereses integrados no "clubs de lectura" do centro. Botar unha ollada a estas guías de lectura, a estas recomendacións, dá unha idea do que pasa nas bibliotecas dos centros a moitos niveis (coidado nas seleccións, dignidade dos materiais que se elaboran para poñer na man dos rapaces...), tamén no referente aos estímulos pola lectura en galego, esa asignatura pendente.

12/12/14

De lecturas e encontros con autores a través das TICs


As nenas e nenos do Club de lectura de 6º de primaria do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño) leron un libro de Ramón Caride e prepararon conxuntamente unha entrevista que remitiron ao autor por correo electrónico. Polo mesmo medio, o escritor respostou ás súas preguntas, e agora podemos ler todos o resultado no blogue da biblioteca. 

Hai mil fórumulas para conseguir vincular aos nenos e ás nenas á lectura. Os enfoques comunicativos na aprendizaxe das linguas e as tecnoloxías presentes nos centros (e a dispoñibilidade e xenerosidade da meirande parte dos autores e autoras), posibilitan actividades moi diversas... e velaquí un exemplo sinxelo pero de gran interese pedagóxico.